O Concello abre este luns o prazo para solicitar as axudas para os agasallos de Nadal

Están dirixidas a pais, nais, titores e familias de acollemento con fillos/as menores de idade, empadroados en Valdoviño e escasos recursos

 Valdoviño, 18 de novembro de 2023. O Concello de Valdoviño abrirá este luns, e por espazo de 10 días hábiles, o prazo de solicitude para optar ás axudas de Nadal para a adquisición de agasallos. Unha liña de subvencións coa que contribuír a que todos os nenos e nenas poidan ter o seu agasallo nestas datas, apoiando a situación económica na que se atopan algunhas familias. Trátase dunha axuda dunha cuantía única de 50 euros e, no seu conxunto, o Concello destinará a este capítulo algo máis de 3.000 euros. Iso si, en caso de que as solicitudes superen ese tope, tentarase ampliar. 

Os gastos a subvencionar serán xogos e xoguetes (0- 18 anos) e aparellos tecnolóxicos e roupa (13-18 anos). Máis detalladamente, entrarían nesta categoría xoguetes, libros, xogos educativos ou de mesa, libros, quebracabezas, e/ou material musical ou deportivo, ou calquera que se corresponda coa idade do/a menor ao que vai dirixida a axuda, así como roupa, uniformes deportivos, aparatos tecnolóxicos como reloxos, videoxogos, ou teléfonos, que sexan axeitados para esa franxa de idade. 

As axudas están dirixidas a pais, nais, titores/as ou familias acolledoras con fillos ou fillas menores de idade e empadronados/as en Valdoviño que non superen uns ingresos mínimos establecidos nas bases da convocatoria (que poden consultarse na sede electrónica municipal e taboleiro de anuncios da casa consistorial). 

As solicitudes e a documentación requirida presentaranse no rexistro xeral da Casa do Concello de Valdoviño de luns a venres en horario de 9 a 14 horas ou a través da sede electrónica.

SOLICITUDE

XUSTIFICACIÓN

BASES