O Concello abre este luns o prazo de inscrición en Concilia Deportes Verán!
Está dirixido ás familias con nenas e nenos de entre 3 e 12 anos
Valdoviño, 19 de maio do 2023. As familias con nenas e nenos de entre 3 e 12 anos poderán formalizar a inscrición no programa Concilia Deportes Verán a partir do próximo luns 22 de maio. Trátase dun programa de conciliación da vida laboral e o coidado dos fillos e fillas durante as vacacións de verán, cargado de propostas deportivas e culturais. Como é habitual nos últimos anos, celebrarase de luns a venres de 10 a 14 horas -e con posibilidade de entrada dende as 8,30 h-. O local social de Pantín será de novo epicentro dos campamentos que, no caso de requerir un segundo emprazamento, levaríanse a cabo tamén no local social de Aviño. Un suposto que dependerá das inscricións que se rexistren durante o prazo aberto (ata o 15 de xuño).
O trámite debe realizarse no rexistro xeral da casa consistorial ou a través da sede electrónica, e a ficha poderá descargarse da web municipal a partir do mesmo 22 de maio.
A cota de participación é de 50 euros por mes e neno/a (no caso de irmáns/ás aplicarase un desconto do 20%). A idade mínima son 3 anos con escolaridade previa (que neste curso xa foran ao colexio), e para obter máis información sobre os criterios de preferencia na concesión ou calquer outro dato, a veciñanza pode dirixirse ao departamento municipal de Deportes ou teléfono 981 48 70 41.
A programación contemplará xogos, manualidades, deportes e a exploración do medio natural, con tempos para o xogo libre e os paseos pola contorna.
Comentarios