O Concello abre este luns inscricións na XXI Andada a Santo André de Teixido

Poderá formalizarse online ou presencialmente na Casa da Cultura

Valdoviño, 16 de setembro do 2022. O Concello de Valdoviño organiza a súa tradicional Andada a Santo André de Teixido o sábado 1 de outubro. A cita alcanzará este ano a súa XXI edición, e o vindeiro luns, 19 de setembro, abre inscricións, xa que as prazas son limitadas. Poderá formalizarse presencialmente e online, ata completar aforo -50% das prazas están reservadas a unha e outra modalidade de inscrición-. No primeiro caso, deberá realizarse na Casa da Cultura -ata o día 22 en horario de 10 a 13 h e podendo reservarse ata un máximo de 3 prazas por persoa-, e no segundo a través deste enlace -ata as 00:00 h do día 22-. Nos dous casos, é preciso adxuntar copia do pagamento da cuota, estipulada en 15 euros -sen devolución no caso de cancelación-. 

Concluídos os prazos, o 23 avaliaranse as inscricións, e de non cumprir os requisitos, tirarase da lista de espera se fose preciso, podéndose formalizar esas inscricións os días 26 e 27 de setembro. 

Os/as menores de idade poderán participar a partir dos 14 anos, con autorización do pai/nai ou titor/a legal e acompañados/as deste/a. 

A andada partirá do aparcadoiro sito fronte á Casa Joselito o 1 de outubro ás 8:00 horas, con puntos de avituallamento no camiño e xantar na contorna do santuario, e con regreso en autocar sobre as 18:30 horas. 

As bases poden consultarse na web municipal www.concellodevaldovino.com

BASES