O Concello abre a inscrición no obradoiro “Encantada de coñecerme” sobre saúde sexual dirixido a mulleres adultas
Constará de dúas sesións, a celebrar os venres 4 e 11 de novembro
Valdoviño, 26 de outubro do 2022. O Concello de Valdoviño levará a cabo o obradoiro “Encantada de coñecerme” centrado na atención en saúde sexual a mulleres adultas. Celebrarase os venres 4 e 11 de novembro, en horario de 10 a 13 h, na sala de exposicións da Casa da Cultura. Está dirixido a mulleres maiores de 18 anos, e a participación é gratuíta. Iso si, con inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais -planta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41 ext.5-.
Neste taller, incluido na programación do Día da Eliminación da Violencia contra a Muller que se avanzará nos próximos días, abordaranse conceptos importantes para a saúde e desenvolvemento das mulleres ao longo do seu ciclo vital.
Entre os contidos: sexualidade, saúde sexual; autoestima e benestar; momentos vitais clave; o sistema sexo-xénero; anatomía e fisioloxía da sexualidade, a erótica e a reprodución; hixiene e coidados; maternidade; prácticas conceptivas, aconceptivas e métodos anticonceptivos; prevención de infeccións de transmisión; relacións de parella; roles de xénero; identificación da violencia sexual e de xénero; creación de relacións positivas e saudables; sistema normalizado de atención á saúde, ou recursos de proximidade.