O Concello abre a inscrición na programación deportiva de verán OcioSol 2022
As actividades de baloncesto, tenis, fútbol, atletismo e multixogo para nenos e nenas, e ximnasia de mantenemento para persoas adultas, terán lugar na pista deportiva sita no paseo da Frouxeira
Valdoviño, 15 de xuño de 2022. O Concello presentou esta mañá a programación deportiva de verán OcioSol 2022, anunciando tamén a apertura do prazo de inscrición. Así, a oferta inclúe ximnasia de mantenemento, baloncesto, tenis, fútbol-sala, atletismo e multixogo. Todas elas desenvolveranse ao aire libre, na contorna privilexiada da Frouxeira, e máis concretamente, na pista deportiva situada en pleno paseo (en caso de choiva, trasladaríanse ao pavillón municipal do Longoiro, agás ximnasia, que se celebraría na Casa da Cultura). A estas actividades súmase tamén natación en diferentes modalidades e aquagym na piscina municipal de Lago.
A inscrición está aberta e pode formalizarse cubrindo o formulario no seguinte enderezo electrónico: https://cutt.ly/7J6zCe5
As cotas establecidas para participar oscilan entre os 7,37 euros/mes e os 12,54 euros/mes. Todas as actividades están dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, agás multixogo, de 4 a 10 anos, e ximnasia de mantenemento, para persoas adultas.
No caso de que se cubran as prazas das actividades, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzou que se estudará a posibilidade de aumentar a oferta das mesmas, e en todo caso, terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Pola contra, en caso de non acadar un número mínimo de participación, a actividade cancelarase.