O Complexo Deportivo de Atios contará cunha pista multideporte, 2 de pádel, ximnasio, cafetería, piscina e piscina terapéutica
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, e o concelleiro de Deportes e Urbanismo, Sergio Saavedra, avanzan as 3 fases da ambiciosa intervención que arrancará este ano cun investimento de 250.000 euros
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, xunto ao concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaron as liñas mestras do futuro Complexo Deportivo de Atios. Unha intervención que se realizará en 3 fases e cuxas obras arrancarán este ano grazas a unha achega da Deputación provincial da Coruña. Un proxecto no que o equipo de goberno leva traballando nos últimos anos e que este 2021 comezará a ver a luz coa construción dunha pista multideporte e 2 pistas de pádel.
Segundo detallou Saavedra, a segunda fase contempla a creación dun ximnasio, vestiarios e unha cafetería con terraza e, a terceira e última, inclúe unha piscina e outra piscina de dimensións máis reducidas e fins terapéuticos. Nesta liña, o alcalde apuntou que trataranse de espazos modulares, o que facilita a súa construción en función da disponibilidade orzamentaria.
Saavedra e González coincidiron ao destacar a inmellorable ubicación das futuras instalacións, sitas no antigo campo de fútbol, contiguas ao CPI Atios e próximas á Casa da Cultura, Centro de Saúde e Centro Sociocomunitario, creando unha ampla zona de equipamentos interrelacionados. Especialmente importante a súa cercanía ao centro educativo, xa que servirá de apoio para a programación de actividades docentes, ampliando significativamente as súas posibilidades. Así mesmo, significaron que o inmoble de cafetería e piscina terá unha privilexiada vista ao Atlántico, mirando de fronte á Frouxeira.
O complexo deportivo non só será fundamental para facilitar a práctica deportiva, senón que primará tamén nel o seu carácter saudable a través da piscina terapéutica, especialmente adaptada para terapias dirixidas a persoas con mobilidade reducida ou de avanzada idade. Sen esquecer que está chamado a converterse nun punto de encontro central para a veciñanza de Valdoviño.
Con el, alcalde e concelleiro apuntaron que se pretende dar cumprimento a unha demanda latente no municipio e cubrir así unha necesidade evitando que a poboación se teña que desprazar a outras localidades.
Esta primeira fase, aprobada en pleno e a financiar cos fondos do POS+, requerirá dun investimento cercano aos 250.000 euros, dos que 50.000 serán aportada polo Concello a través dos orzamentos municipais.