O Club Náutico Folixa organiza en Vilarrube unha xornada de sensibilización ambiental con observación das dunas e ruta pola zona

Inscricións abertas na iniciativa, que premiará a participación cun bautismo de surf, paddle surf ou waveski

Valdoviño, 18 de outubro do 2022. No marco do plan de promoción do deporte en Valdoviño a través de actividades de carácter medio ambiental e social, o Club Náutico Folixa organiza unha xornada de sensibilización ambiental este sábado, a partir das 11:00 horas, na praia de Vilarrube. 

A iniciativa contemplará unha charla de 30 minutos sobre as dunas e a súa conservación ambiental, e unha ruta posterior duns 60 minutos pola zona con recollida de información a través de fotografías e notas. Así mesmo, aqueles que participen poderán acceder a un bautismo de surf, paddle surf ou waveski dunha hora. Iso si, é preciso inscribirse previamente na xornada, a través dos teléfonos 655 221 544 e 685 272 156 ou email nauticofolixa@gmail.com -sinalando nome, DNI, idade, teléfono e talla de neopreno-.