O ciclo municipal “Ven o Venres” convida ao público a reflexionar sobre o acoso escolar coa obra “O pequeno poni” de Redrum Teatro

A compañía representará a peza este venres ás 20:30 h no auditorio

Valdoviño, 12 de xuño de 2024. O ciclo municipal de teatro “Ven o Venres” trae esta semana unha nova proposta escénica: “O pequeno poni” de Redrum Teatro. A función, dirixida a un público maior de 12 anos, celebrarase este venres no auditorio, a partir das 20:30 horas, con entrada libre e de balde ata completar aforo.

A obra, dirixida por Álex Sampayo e protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, aborda o acoso escolar, esa dolorosa realidade na que viven atrapados cada vez máis nenos e nenas de todo o mundo, e convida a reflexionar sobre a liberdade, o medo e o instinto de protección. Esta é unha obra sobre aceptar a diferenza dos propios fillos. Que expón preguntas coma se o mundo é un lugar habitable para os diferentes, se o colexio é un lugar seguro para os nenos que son distintos, ou se o seu propio fogar é un lugar seguro para un rapaz que simplemente é distinto á maioría.

A peza está inspirada en feitos reais. En Carolina do Norte, no ano 2014, o pequeno Grayson Bruce de 9 anos, non puido entrar na súa escola despois de sufrir ataques físicos e verbais por parte dos seus compañeiros por levar unha mochila da serie de televisión “My little Pony”. A dirección do centro considerouno “detonante de acoso” e acusou o menor de “disrupción na aula”. Un mes antes, outro rapaz de 11 anos chamado Michael Morones sufriu un episodio similar por seguir estes debuxos. Tentou suicidarse e durante 7 anos sufriu danos cerebrais irreversibles pola falta de osíxeno antes de falecer. Sen pretendelo, a serie ‘My little Pony’ converteuse nun dos maiores símbolos da loita contra o acoso escolar a nivel mundial.

O dramaturgo Paco Bezerra, autor da peza teatral, leu as historias destes dous rapaces e soubo que non podían quedar nun mero titular de xornal e creou un texto tan descarnado e real como imprescindible nunha sociedade que necesita profundizar moito máis na loita contra o acoso escolar. ‘O pequeno poni’ é un retrato sensato e necesario sobre o medo, a soidade, a inseguridade e iso denominado como a ‘ditadura da maioría’.