O ciclo municipal de teatro Ven o Venres trae a Valdoviño “Ragazzo” da compañía Barrosanta
O espectáculo celebrarase este venres ás 20:30 horas na casa da cultura
Valdoviño, 8 de abril do 2025. O ciclo municipal de teatro «Ven o Venres» trae esta semana a Valdoviño a peza «Ragazzo», da compañía Barrosanta. Escrita por Lali Álvarez, dirixida por Xavier Castiñeira e protagonizada por Anxo Outumuro, «Ragazzo» é unha oda á xuventude e á liberdade, un grito á vida e á dignificación das historias personais. A función dará comezo este venres ás 20:30 horas no auditorio da casa da cultura con entrada gratuíta e libre ata completar aforo.
“Ragazzo” é unha historia real con nome e apelidos: Carlo Giuliani; un mozo activista italiano de 23 anos, asasinado a mans da policía, o 20 de xullo de 2001 nunha manifestación do contracumio do G8 en Xénova. A través desta obra, o público poderá acompañalo durante tres días a concertos, rexistros policiais, manifestacións e, incluso, unha cita. Tres días que fantasean coa vitalidade, pero que desembocan documentando o tráxico final de Giuliani. A bala outórgalle nome propio, pero a anonimia no título e durante o espectáculo, permite non converter en mártir ao que é un rapaz calquera.
Europa, verán do 2001. A cidade de Ragazzo vive a restrición de dereitos sociais máis grande que lembra o continente desde a Segunda Guerra Mundial: fronteiras pechadas, manifestacións prohibidas… 30.000 axentes percorren as rúas e protexen aos líderes do G8 na súa reunión.
Ragazzo, a pesar disto, pasa o verán na cidade, nun garaxe que okupou e acondicionou como o seu fogar durmindo dentro do coche e cociñando no seu motor. Está de vacacións: ten tempo para ir a concertos, ler e escribir, cociñar, e mesmo namorarse… e por suposto, participar no Fórum Social, instalado na cidade para facer fronte ao modelo de globalización imposto polo G8, soñando outro mundo posible.
Pero o seu destino quedará marcado cando tome a decisión de quedar na columna dos desobedientes. Que facer ante a ameza? Quen (e para que) fai servir a violencia? É posible outro mundo?