O ciclo municipal de teatro “Ven o Venres” continúa esta semana con “Boa sorte, mala fama”, da compañía Tarabela Creativa
A función celebrarase o 8 de novembro ás 20:30 horas no auditorio
Valdoviño, 5 de novembro do 2024. O ciclo municipal de teatro «Ven o Venres» proponnos esta semana a obra «Boa sorte, mala fama», de Tarabela Creativa. Unha traxicomedia en tres actos: os tratos, os maltratos e os retratos, na que facendo unha cartografía e un percorrido a través de diferentes épocas e persoas, se contará a historia máis «incómoda» da nosa emigración. A función dará comezo este venres ás 20:30 horas no auditorio, con entrada de balde ata completar aforo, e chega ao noso municipio co apoio económico da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Tarabela Creativa recurrirá na montaxe a tres disciplinas: a narración oral (que será o fío condutor), a música ao vivo (que fará que o público se ubique naquelas outras realidades e sensacións que atravesamos) e na interpretación actoral (coa que se poñerá corpo ás palabras e coa que se traballará na metáfora do espello e do reflexo como leit motiv). Tres mulleres en escena para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega.