O ciclo Mestre Mateo trae a Valdoviño a proxección da peza documental “Aurora”

O pase, con entrada libre, terá lugar este xoves ás 20 h na casa da cultura

Valdoviño, 4 de novembro do 2025. O calendario do ciclo Mestre Mateo continuará esta semana en Valdoviño coa proxección do documental «Aurora», da cineasta viguesa Area Erina. O auditorio da casa da cultura albergará o pase este xoves ás 20:00 horas, con entrada de balde e libre ata completar aforo. A peza está dirixida a un público maior de 12 anos, e toma o nome da súa protagonista, Aurora Álvarez, unha muller de As Neves de 98 anos. Veciña de Area Erina, o documental recolle máis dunha década de gravacións e conversas.

Procedentes de mundos totalmente dispares e con gran diferenza de idade entre elas, directora e protagonista establecen unha forte relación de intimidade, confianza e profundas tertulias ligadas á morte, a familia, a guerra e o papel da muller.