O Ciclo Mestre Mateo trae a Valdoviño a aclamada longametraxe “O Corno”
O pase da produción hispano-belga-portuguesa, rodada en galego e galardoada coa Concha de Ouro no Festival de Cine de San Sebastián, terá lugar este venres ás 20:30 h no auditorio da casa da cultura
Valdoviño, 27 de novembro do 2024. O auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño acollerá este venres o pase da aclamada longametraxe «O Corno», da cineasta donostiarra Jaione Camborda, Concha de Ouro da 71ª edición do Festival de Cine de San Sebastián e primeira realizadora española en acadar o galardón. A cinta convertíase tamén na gran trunfadora dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, conquistando sete galardóns. Entre eles, o de Mellor Longametraxe, Dirección e Guion. Precisamente, este venres chega a Valdoviño da man do Ciclo Mestre Mateo, cunha proxección que arrincará ás 20:30 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.
«O Corno» é unha coprodución hispano-belga-portuguesa rodada en galego, protagonizada por Janet Novás, Premio Goya á mellor actriz revelación. Está ambientada en Galicia, na década dos 70, e presenta a historia de María, unha muller que se gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida por axudar a outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que lle fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.