O campo municipal de Mourente, escenario este sábado do “XXXIII Torneo de fútbol Concello de Valdoviño”

O clásico triangular xogarase a partir das 18 horas

Valdoviño, 21 de agosto do 2025. Completa fin de semana deportiva no municipio, coa celebración do “XXXIII Torneo de fútbol Concello de Valdoviño”, que este ano se disputará no campo municipal de Mourente. Desta volta, ao tradicional triangular no que se miden os equipos da localidade, engádese un encontro extra de xuvenís e, a modo de colofón, unha competición de veteranos.

Os máis novos abrirán o calendario o sábado ao mediodía. Xusto ás 12 horas está previsto que dea comezo o partido que enfrontará aos xuvenís da SD Valdoviño cos do Meirás CF. Será o aperitivo do triangular entre o CD Rosalía de Vilaboa, a SD Valdoviño e o Meirás CF. Todo un clásico do verán que se xogará xa pola tarde.

Así, ás 18:00 horas, terá lugar o partido entre o Rosalía e o Valdoviño. Deseguido, o Meirás enfrontarase co equipo perdedor do citado encontro; e posteriormente, a partir das 20 horas, xogará co gañador. Ao rematar, procederase á entrega de trofeos.

Como novidade, a modo de epílogo, o domingo, en horario matinal, haberá torneo de veteranos, coa participación da SD Valdoviño e outros tres clubs da comarca  (a SD Cultural Maniños, o CD Narón e o CD Estrella A Solaina). Principiará ás 10:00 horas. A partir das 12 horas, celebrarase o encontro polo terceiro posto, e unha hora máis tarde a final.

O Concello de Valdoviño e os clubs locais convidan aos afeccionados e afeccionadas ao deporte rei de toda a comarca a achegarse ao terreo de xogo para seguir os partidos e animar aos seus equipos.