O campo do Vilaboa será sede este ano do XXXII Torneo de Fútbol Concello de Valdoviño

Celebrarase o sábado 31 de agosto, coa participación do CD Rosalía, SD Valdoviño, Meirás CF e EFB Amistade

Valdoviño, 24 de xullo do 2024. O campo de fútbol Juan Sabín-O Lameiro acollerá este ano a XXXII edición do Torneo de Fútbol Concello de Valdoviño. Tras unha recente reunión entre os clubs locais e a concellería de Deportes, esta mañá, o edil de área, Sergio Saavedra, avanzaba o calendario definitivo da competición, que terá lugar o sábado 31 de agosto. Arrancará xa pola mañá co torneo feminino, que enfrontará ás locais da EFB Amistade e ao CD Cariño, nun previsible emocionante encontro que se disputará ás 12:00 horas.

E xa pola tarde celebrarase o triangular entre o CD Rosalía de Vilaboa, a SD Valdoviño e o Meirás CF. Estes serán os horarios e emparellamentos: ás 18:00 h, Rosalía-Valdoviño; ás 19:00 h, Rosalía-Meirás; ás 20:00 h, Valdoviño-Meirás. Ao remate deste último partido, procederase á entrega de trofeos.

Dende o Concello, promotor do torneo xunto aos clubs participantes, anímase á veciñanza e tamén ás persoas que visitan o municipio a acudir ao mesmo, un dos máis veteranos da comarca, e desfrutar deste auténtico espectáculo de fútbol. A entrada é gratuíta.