O Campo de Fútbol O Lameiro de Vilaboa recordará para sempre a Juan Sabín levando o seu nome

Este sábado ás 18,30 horas, CD Rosalía e SD Valdoviño disputarán un derbi en homenaxe ao que fora secretario do clube durante 25 anos e procederase a descubrir o seu nome no campo nun acto aberto á veciñanza

Valdoviño, 24 de setembro de 2021. Unha persoa boa, sempre disposta a axudar aos demais. Parece un tópico, pero no caso de Juan Sabín, non habería mellor forma de describilo despois de falar con calquera persoa que o coñecese. Foise demasiado cedo, en plena pandemia, e este sábado o CD Rosalía de Vilaboa, do que foi secretario toda a vida, quere rendirlle a homenaxe que se merecía. Será dándolle o seu nome ao terreo de xogo onde compartiu tantos momentos da súa vida. Primeiro vestindo a súa camiseta como dianteiro centro e, nos últimos 25 anos, como secretario do clube. Así, mañá sábado, descubrirase o nome de Juan Sabín no arco que preside a entrada do ata hoxe campo de fútbol O Lameiro. No acto, aberto á participación veciñal, a entidade tamén lle renderá tributo sobre o campo, cun derbi entre o CD Rosalía e a SD Valdoviño. A cita, a partir das 18,30 horas. 

Lembran no CD Rosalía que Juan incluso chegou a participar, con vinte poucos anos, na acta fundacional do clube, en 1984. A súa implicación na parroquia foi máis aló do fútbol, e durante máis de dúas décadas, exerceu o cargo de secretario da Cooperativa de Vilaboa e tamén participaba activamente no día a día do Centro Cultural Rosalía, de cuxa directiva formaba parte. Un home afable, sociable, a súa palabra era de lei, sobre todo moi querido e, como aseguran en Vilaboa, un puntal de apoio para todos que sempre estará na memoria colectiva da parroquia.