O Campionato de España de Surfing arranca na Frouxeira co compromiso do Goberno central de convertir en realidade o centro de tecnificación do surf que proxecta Valdoviño

Valdoviño converterase ata o 5 de setembro en capital do surf estatal

O Campionato de España de Surfing arrancaba esta mañá na praia da Frouxeira co compromiso do Goberno central de brindar o seu apoio, a través do Consejo General de Deportes, ao futuro Centro de Tecnificación do Surf que proxecta o Concello de Valdoviño, e que aspira a converterse no primeiro do territorio nacional. Así o avanzaba no acto de presentación da cita a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, ao alcalde de Valdoviño, Alberto González, para engadir o seu convencemento de que o centro será unha realidade a curto prazo e un premio para o traballo que se está a desenvolver no municipio a favor da promoción do surf. 

Un bo facer no que coincidían todos os representantes institucionais congregados esta mañá na Frouxeira, no acto de inauguración do campionato, que se celebrará ata o 5 de setembro en Valdoviño. Dende o presidente da Federación Española de Surfing, Carlos García, que agradecía as facilidades do Concello para albergar a cita e a acollida da veciñanza, convertíndose así na capital do surf estatal, ata o secretario xeral para o Deporte da Xunta, Xosé Ramón Lete, que situaba a Galicia como primeira potencia nacional do surf grazas, entre outros aspectos, a citas como o Pantín Classic que se celebra cada ano no areal valdoviñés. Tamén Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, poñía en valor a aposta decidida de Valdoviño polo surf como motor de desenvolvemento económico, facilitando o posicionamento de Galicia como destino surf, e Cristina Capelán, deputada provincial responsable da área de Deportes, poñendo o acento sobre as extraordinarias posibilidades que ofrece para a práctica deste deporte o litoral de Valdoviño. 

Pola súa banda, o alcalde, Alberto González, agradecía á Federación española de Surfing que volvese, por terceiro ano consecutivo, á súa casa: Valdoviño, para a organización do campionato. Destacaba non só a parte deportiva e de lecer da cita, senón a súa vertente turística e económica, clave para favorecer un desenvolvemento sostible. Para Valdoviño, engadía, é un orgullo albergar este campionato, que este ano marca novos hitos. Na parte deportiva, batindo records de participación con máis de 400 surfistas chegados de 8 comunidades autónomas, e tamén cunha aposta máis decidida que nunca pola sostenibilidade con medidas como o uso practicamente ao 100% de enerxía verde; a posta en marcha do Green Wave Market, escaparate de iniciativas medio ambientais; a instalación de depósitos de recollida de vidro en colaboración con Ecovidro, ou a activación dunha morea de accións de formación en materia medio ambiental ao longo da competición. 

Precisamente, o acto de inauguración desta mañá concluía co izado da bandeira Green Sport Flag, que promove a Asociación do Deporte Español, e que aglutina a 63 federacións deportivas nacionais, coa que se distingue a aqueles eventos respectuosos co medio ambiente e comprometidos coa contorna na que se desenvolven. Unha bandeira que o presidente da Federación Española de Surfing quixo que, unha vez conclúa o campionato, teña como destino o Océano Surf Museo.