O Campionato de España de Surfing 2026 ampliará en Pantín a súa proposta cun market e un completo programa de actividades paralelas

Filispín Pop Up coordinará un espazo que reunirá creatividade, emprendemento, sostibilidade, inclusión e promoción do territorio durante toda a semana do campionato

Valdoviño, 26 de xuño do 2026. O Campionato de España de Surfing 2026 seguirá ampliando a súa proposta máis aló da competición deportiva coa incorporación dunha ampla zona Market e un programa de actividades paralelas que converterán a Pantín nun espazo de encontro para deportistas, familias, acompañantes e visitantes durante toda a semana do evento, do 29 de xuño ao 5 de xullo. A iniciativa estará coordinada por Filispín Pop Up, proxecto nacido en Ferrol que traballa para dar visibilidade ao talento local e xerar novas experiencias vinculadas á creatividade, a cultura, o emprendemento e o ocio. A súa participación permitirá crear un espazo dinámico e experiencial que complementará a actividade deportiva e contribuirá a enriquecer a experiencia de todas as persoas que visiten o campionato.

O Market reunirá diferentes proxectos e marcas vinculadas ao deseño, a artesanía, a creatividade e o emprendemento local, ofrecendo ao público a posibilidade de coñecer propostas orixinais desenvolvidas desde o territorio. Entre os participantes confirmados atópanse Meraki.brand, 15405, Marea.sunset, Mocco Experience, Aurarte, Blanca Escrigas e Leni, conformando unha representación diversa de iniciativas creativas que achegarán identidade e valor engadido ao evento. Xunto a elas tamén estarán presentes colaboradores e patrocinadores vinculados ao surfing e ao estilo de vida asociado ao océano, como SBoardTrainer, EQ Love e Ocean & Earth, que contarán con espazos propios para achegar os seus produtos, servizos e proxectos a deportistas e visitantes.

Un escaparate para o territorio

A programación contará ademais cunha carpa institucional do Concello de Valdoviño, que servirá como escaparate para artesáns e produtores locais, contribuíndo a dar visibilidade á riqueza cultural, creativa e gastronómica da comarca.

A marca Valdoviño tamén estará presente no mercado a través dos produtores e artesáns locais que acudirán ao evento convidados polo Concello. Na carpa institucional promocionarán e comercializarán os seus produtos “Ay Carmen!” (conservas e zumes con materia prima cultivada en Pantín); Moira (pezas realizadas coa técnica do macramé merecedoras do selo de Artesanía de Galicia); Salitre (complementos artesáns), e Petiscos Ibéricos (unha selección das mellores marcas do mundo de xamón ibérico).

Esta iniciativa permitirá reforzar a conexión entre o campionato e o territorio que o acolle, poñendo en valor o talento e a actividade económica local nunha das citas deportivas máis importantes do calendario nacional.

Deporte, inclusión e compromiso social

O Market incorporará tamén unha dimensión social a través da presenza da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, que disporá dun espazo propio dentro do recinto para dar a coñecer a súa actividade e o traballo que desenvolve en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e as súas familias.

A súa participación enmárcase dentro das accións de inclusión impulsadas pola Federación Española de Surfing durante o campionato e permitirá achegar ao público unha realidade que forma parte igualmente dos valores do deporte.

Obradoiros e actividades para todos os públicos

A programación paralela incluirá ademais diferentes actividades abertas ao público con propostas dirixidas a todas as idades.

Entre as actividades xa confirmadas figuran un obradoiro de pintura impartido por Blanca Escrigas, un obradoiro de bixutería sostible desenvolvido por Aurarte e unha sesión de ioga organizada por Flow State.

Especial relevancia terá a proposta impulsada por Aurarte. Combinará unha acción de recollida de residuos na praia coa reutilización de materiais para a elaboración de pezas de bixutería. Unha iniciativa que conecta directamente cos valores de sostibilidade, respecto pola contorna e protección do océano que forman parte da cultura do surfing.

A estas actividades sumaranse outras propostas, expositores e accións complementarias promovidas pola organización do Chiqui Pro RSM, ampliando a oferta de ocio e experiencias dispoñibles durante toda a semana.

Moito máis que unha competición

Con esta iniciativa, a Federación Española de Surfing continúa avanzando no seu obxectivo de converter o Campionato de España de Surfing nunha experiencia global capaz de integrar deporte, creatividade, sostibilidade, inclusión, cultura e promoción do territorio.