O Cámping Valdoviño consegue a vitoria no Torneo de Fútbol Sala Ociosol
Unha ducia de equipos participaron este ano nesta competición deportiva estival
Valdoviño, 25 de agosto de 2022. O Torneo de Fútbol sala Ociosol xa ten gañador. O Cámping Valdoviño facíase co triunfo na gran final desta competición clásica da programación estival de Valdoviño, na que participaron este ano unha ducia de equipos.
O Cámping Valdoviño impúxose ao seu rival, o Covial, no partido decisivo, disputado este mércores pola noite no pavillón do Longoiro, en Meirás. Ao término do partido o marcador reflectía un contundente 7-4.
A última hora da tarde tivo lugar tamén o enfrontamento polo terceiro e cuarto posto na clasificación xeral do torneo. Un encontro que se resolveu a favor do Novo Minuetto, que venceu ao Gonnaba por 10 a 4.
A entrega de premios, na que participaba o alcalde de Valdoviño, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, puxo o punto e final á presente edición do Torneo Ociosol, que arrincaba no mes de xullo, e no que tomaron parte os equipos de A Torre do Lago, Bollis FC, Gonnaba, Camping Valdoviño, Cervecería Silver, Covial, KSpirits, Friday Night, Meraki, Nuevo Minuetto, Pizzería Os Dous de Sempre e Rincón do Trini.