O artista Manuel Carballeira gaña por segunda vez o Concurso de pintura rápida ao aire libre de Valdoviño
A terceira edición do certame contou cun total de 14 participantes
Valdoviño, 26 de agosto do 2023. O artista lucense, afincado en Valdoviño, Manuel Carballeira anotábase este sábado unha nova vitoria- a segunda- no “Concurso de pintura rápida ao aire libre Concello de Valdoviño”. O certame, celebrado este sábado e centrado na paisaxe, xente e costumes de Pantín, estivo marcado pola presenza de chuvascos ao longo de toda a xornada.
O obra de Carballeira Rivas, realizada contra o reloxo na propia praia do Baleo, convertíase pola súa calidade na favorita do xurado, correspondéndolle un premio de 1.000 euros e diploma acreditativo. Recibíao no seu nome a súa dona, de mans da concelleira de Cultura, Rosana García, tras a exposición exprés dos traballos a concurso realizada no recinto do ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2023.
O segundo premio foi para o ferrolán Andrés Gabarres Cagiao (500 euros e diploma) e o terceiro recaeu en Juan Carlos Triñanes Buceta, de Rianxo (300 euros e diploma). Estes dous artistas optaron ante as chuvascadas caídas pola mañá por realizar as súas obras, foto en man do motivo que querían plasmar, no exterior da Casa da Cultura de Valdoviño. E as dúas obras estaban vencelladas coa temática surf. Finalmente, o premio local, dotado con 200 euros e diploma, volveu ser para Leopoldo González Rapela.
Participaron nesta terceira edición do concurso de pintura rápida un total de 14 artistas chegados de distintos puntos de Galicia, Asturias, Castela e León e Madrid.