O apoio da Deputación a través do POS+ Adicional Social investiuse en 2024 no SAF e nun servizo de intérprete de lingua de signos
O Concello de Valdoviño recibía ao longo do pasado ano preto de 70.000 euros ao abeiro deste programa provincial
Valdoviño, 30 de xaneiro do 2025. O apoio da Deputación Provincial da Coruña a través do POS+ Adicional Social permitiulle ao Concello de Valdoviño destinar 66.429,42 euros ao Servizo de Axuda no Fogar, reducindo deste xeito o gasto municipal neste servizo, que aínda que é de competencia autonómica, supón unha forte carga económica para a Administración local.
Ademais, os Servizos Sociais municipais reservaron unha partida de 2.750 euros desta axuda para financiar un servizo de intérprete de lingua de signos para facilitar a asistencia e participación de familias xordas en diferentes programas e actividades municipais, eliminando así a barreira auditiva e favorecendo a inclusión.
Por último, a colaboración provincial a través do POS+ Adicional Social tamén se materializou en investimentos, coa adquisición de axudas técnicas para o servizo de alugueiro co que conta o Concello para persoas dependentes. Un capítulo ao que se destinou un partida de 3.500 euros durante o pasado ano.