O Apalpador volverá contar cun refuxio temporal en Valdoviño este Nadal

O Concello reacondiciona a oficina de turismo na Porta do Sol para que reciba a visita dos nenos e nenas durante as vacacións de Nadal

Valdoviño, 12 de decembro do 2025. O Apalpador regresa a Valdoviño no Nadal, e o Concello volveulle acondicionar un refuxio temporal na Porta do Sol. Durante estas festas, a oficina de turismo volverá converterse en punto de encontro cos nenos e nenas, que poderán trasladarlle os seus desexos e peticións. Ademais, contará cun buzón no que recoller as cartas para Papá Noel e os Reis Magos. Así, a casiña do Apalpador inaugurarase o domingo 21 de decembro, ao remate do espectáculo de teatro e pompas xigantes “Os fabulosos cleaners” de Malasombra Producións programado para as 18 horas polo Concello no auditorio da casa da cultura, con entrada libre e de balde. O Apalpador acudirá á función para saudar ás familias e convidalas a visitalo na Porta do Sol.

A partir de entón, recibirá aos pequenos e pequenas da casa os días 22, 23, 29 e 30 de decembro de 17 a 18 horas.

Ademais, e cumprindo coa tradición, o Apalpador tamén acudirá ás escolas unitarias de Valdoviño coincidindo co remate do primeiro trimestre do curso, o venres 19 de decembro.