O alumnado do CPI de Atios sae a descubrir a riqueza do litoral a través das Aulas Mariñeiras

Esta actividade incluíuse no proxecto Ondas de Sabor, iniciativa presentada ao GALP A Mariña–Ortegal na pasada convocatoria 2023

Valdoviño, 21 de xuño de 2024. Case un centenar de alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CPI de Atios participaron en xuño nas Aulas mariñeiras do proxecto «Ondas de Sabor». Esta actividade constitúe unha experiencia de aprendizaxe mixta, cunha parte de traballo en aula e outra parte a desenvolver a través de saídas ao territorio, nas que ver, descubrir e aprender sobre as grandes riquezas do litoral da súa localidade.

A través das aulas mariñeiras traballouse no coñecemento dos produtos do mar propios da costa de Valdoviño, a súa trazabilidade dende que se extraen do mar ata que chegan aos nosos pratos, o peso económico e social do sector profesional do mar ou a biodiversidade única destas augas, entre outros moitos temas. Nas saídas a campo visitáronse puntos estratéxicos para traballar estes temas, como a praia de Vilarrube, unha das zonas de traballo das profesionais do mar, ou a lonxa de Cedeira, un dos puntos de entrega en venda do produto.

«Ondas de Sabor» é unha iniciativa centrada na posta en valor dos recursos mariñeiros locais, dende o produto ata o recoñecemento do seus profesionais e o seus labores, así como o papel das Confrarías e a importancia de conservar e coidar o medio mariño. Ademais das aulas mariñeiras, o proxecto recolle outras actividades a desenvolver neste ano como rutas guiadas polo territorio, exposicións exteriores ou sesións formativas de cociña mariñeira.

«Ondas de sabor: Promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.