O alumnado do CPI Atios ponse na pel dos compañeiros con discapacidade

Participaron nas I Xornadas sobre Rodas que promove a asociación Aprende a Voar, un programa de sensibilización nos coles de Ferrolterra

Valdoviño, 15 de decembro de 2021. A asociación Aprende a Voar levou esta semana o seu programa Xornadas sobre Rodas ao CPI Atios de Valdoviño. Un programa de sensibilización e formación nos coles, que permitiu aos nenos e nenas de 1º curso de Secundaria do CPI Atios poñerse por unhas horas na pel dos compañeiros e compañeiras que utilizan cadeira de rodas. Porque non hai mellor cousa que poñerse no lugar dos demais para xenerar empatía, derribar prexuízos e barreiras, e facilitar a integración.

Pero antes da práctica, veu a teórica. Así, os profes do CPI Atios estiveron a traballar na aula coas unidades didácticas da asociación, nas que se ofrece información sobre os diferentes tipos e graos de discapacidade. Contemplan tamén xogos e adiviñas para os máis pequenos e pequenas e cuestionarios para o alumnado da ESO, co obxectivo de favorecer unha aprendizaxe divertida dos contidos. A segunda parte, a práctica, celebrábase onte, e comezaba cunha breve charla sobre os coñecementos xa adquiridos e unha proposta do máis interesante: xogar a baloncesto adaptado. E para iso, os nenos e nenas contaron cuns mestres de luxo: o adestrador e xogadores do Abeconsa Basketmi Ferrol, con Miguel Romero, veciño de Valdoviño, como o mellor dos anfitrións. Un reto que sacaron adiante con nota. 

O programa, que Aprende a Voar levou a cabo ao longo do curso co apoio da Deputación provincial da Coruña, regresará ás aulas á volta das vacacións, coa vocación de ampliar o alcance das actividades, ata o dagora realizadas en 10 coles de Ferrolterra. O presidente da entidade, Alejandro Permuy, subliñaba onte en Valdoviño a importancia de sensibilizar dende a infancia de cara a normalizar a discapacidade e combater un dos seus principais inimigos: o medo á diferenza. De aí o valor de programas como Xornadas sobre Rodas, que tivo en 2020 o seu precedente na campaña de sensibilización sobre as prazas de estacionamento adaptadas levada a cabo nos centros educativos de Ferrol.