O alumnado do CPI Atios participa no faladoiro Somos e Contamos sobre diversidade sexual e perspectiva de xénero organizado polo Concello
Crearán nel frases reivindicativas que o Concello colocará en espazos públicos
O Concello de Valdoviño promove un novo proxecto sobre perspectiva de xénero e diversidade sexual no ámbito educativo e comunitario. Arrancaba esta mañá no CPI Atios, co alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO como protagonista: o faladoiro Somos e Contamos. Trátase dunha serie de sesións de sensibilización coas que se busca dar a coñecer e clarificar conceptos relacionados coa diversidade afectivo sexual e as sexualidades, identidades e expresións minorizadas. Así mesmo, deses faladoiros extraeranse frases para a súa colocación, en formato vinilo, en diferentes espazos públicos. Unha iniciativa coa que dar visibilidade á diversidade sexual que terá continuidade o 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI. Nesa xornada realizarase a actividade «Pintadas diversas», a través da cal se pintarán bancos coas cores reivindicativas.
Unha serie de accións coas que o Concello aposta pola educación para a cidadanía, fomentando o compromiso e a axenda do alumnado coa igualdade na diversidade e a xustiza social.
O programa impulsado pola Administración local conta co financiamento da Transferencia do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.