O alumnado do CPI Atios completa a segunda etapa do Camiño a San Andrés

Cubriron a distancia entre o Pazo Libunca e o Miradoiro do Monte Esperón

Valdoviño, 21 de marzo de 2022. Segunda etapa do Camiño Vello a San Andrés completada con éxito! Os alumnos e alumnas de 5º e 6º curso de Educación Primaria do CPI Atios cubriron o pasado venres os quilómetros que separan o Pazo Libunca, unha espléndida edificación de estilo colonial construída a principios do século pasado,  do Miradoiro do Monte Esperón, a espectacular atalaia dende a que podemos albiscar unha fermosa instantánea do territorio de Narón e Valdoviño. Con esa vista regresaron ao centro educativo, tras realizar un percorrido guiado polos seus profes no marco do proxecto educativo impulsado polo centro.

E é que a ruta de peregrinaxe a San Andrés forma parte este ano da programación didáctica das aulas de 5º curso. A través dela, nenos e nenas aprenden lingua, lengua, mates, tecnoloxía, educación física… e, xa na fase práctica, mediante as diferentes etapas, saen das aulas para plantarlle batalla ao sedentarismo.

É o segundo ano que o centro promove esta particular peregrinación, despois do éxito colleitado o pasado curso. E, agora, o horizonte amplíase, xa que máis aló de realizar a ruta e coñecer máis sobre as súas orixes e historia, tamén serve como ferramenta para favorecer unha aprendizaxe divertida e próxima nas propias aulas.