O alumnado do CPI Atios completa a segunda etapa do Camiño a San Andrés que impulsa o centro contra o sedentarismo

Pese á choiva intermitente, esta mañá cubrían os preto de 9 quilómetros que separan a Capela da Fame e San Román (Cedeira)

Os alumnos e alumnas de 6º curso de Educación Primaria do CPI Atios de Valdoviño completaban esta mañá a segunda etapa do Camiño a San Andrés de Teixido. Unha especial peregrinaxe coa que o centro busca combater o sedentarismo a través da promoción do exercicio.

Así, acompañados dos seus profes, María Dolores Freire, Antonio Rodríguez, Blanca Rivera, Pilar Calvo e Rosa Pazos, que exerceron de guías, rapaces e rapazas cubriron a distancia duns 9 quilómetros que separa a Capela da Fame, en Vilarrube, da parroquia cedeiresa de San Román. 

Un percorrido no que a choiva intermitente non os desanimou, e os mestres non só acompañaron a expedición, marcando a ruta, senón que tamén foron ofrecendo explicacións sobre o territorio, e os recursos patrimoniais e naturais do mesmo.