O alumnado do CPI Atios completa a peregrinaxe a San Andrés de Teixido
A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e os rexidores de Cedeira e de Valdoviño, Pablo Moreda e Alberto González, entregáronlles aos estudantes as Teixidelas
O alumnado de 6º curso de Primaria do CPI Atios de Valdoviño xa non sufrirá a lenda que acompaña a San Andrés e que reza: «o que non vai de vivo vai de morto pero convertido en insecto ou lagartixa». Este mediodía, preto dos 60 estudantes que integran as tres aulas do curso completaban a súa peregrinaxe ao santuario erixido na honra do Apóstolo. Completaban así os 24 quilómetros que separan o templo sito en Cedeira do centro escolar. Unha ruta máxica que rapaces e rapazas, acompañados polos seus profes, realizaron en 3 etapas: a primeira, previa á Semana Santa, entre o CPI e a Capela da Fame; a segunda, hai un mes, entre este último punto e a parroquia de San Román, xa en Cedeira, e de alí ao final do Camiño.
Un camiño que arranca no Mosteiro do Couto, na cidade de Narón, enlaza con Valdoviño e conclúe en Cedeira. Esa unión viuse precisamente representada hoxe en San Andrés. Ata alí acudían os alcaldes e a alcaldesa dos tres municipios, Marián Ferreiro, Pablo Moreda e Alberto González. Acompañados da directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, recibían aos alumnos e alumnas ao pé do santuario, e facíanlles entrega das Teixidelas, unhas tarxetas que acreditaban a súa condición de «gardiáns do camiño vello a San Andrés de Teixido».
Un camiño que os tres municipios teñen especial interese en promover e potenciar e que serviu de escenario privilexiado este curso do programa educativo do CPI Atios, co que busca fomentar hábitos saudables a través da práctica deportiva, o contacto coa natureza e o coñecemento do territorio. Un programa co que combater o sendentarismo que se está a instalar entre a mocidade, especialmente a raíz da pandemia da covid-19. Sen dúbida, e tralo éxito deste ano, o proxecto terá continuidade.