O alumnado de valores de 5ºA do CPI Atios carga de solidariedade neste Nadal a furgoneta da Cociña Económica
Nove estudantes do centro impulsan unha campaña solidaria de recollida de alimentos coa extraordinaria colaboración da veciñanza de Valdoviño
Valdoviño, 17 de decembro de 2021. Os rapaces e rapazas da clase de valores de 5º A de Educación Primaria impulsaron nas últimas semanas unha campaña solidaria de recollida de alimentos no CPI Atios dirixidos á Cociña Económica. Demostraron que, con ganas, esforzo e ilusión, cada un de nós podemos axudar moito máis do que pensamos. Iso fixeron eles e elas, nove nenos e nenas lograron encher con turróns, doces, cacao, galletas, leite… unha furgoneta enteira que esta mañá poñía rumbo á Cociña Económica. Iso si, contaron para iso coa extraordinaria axuda da xente de Valdoviño, que respondeu á súa chamada.
Guiados pola súa profe, María Dolores Freire, fixeron de todo: carteis para anunciar a iniciativa, xestións coa Cociña Económica, chamadas á solidariedade das familias do Atios, reconto de produtos… e esta mañá, axudados tamén polo alcalde, Alberto González, transportaban todo o continxente á furgoneta da Cociña Económica. 17 bolsas de cacao, 61 turróns, 37 litros de leite, 13 caixas de cereais, unha morea de botes de especias, 81 paquetes de galletas, e 23 lotes de doces navideños. Alimentos que formarán parte dos menús de Nadal que diariamente serven na Cociña Económica.