O alumnado de Arquitectura traslada ao Concello de Valdoviño as súas propostas de intervención para Monte Campelo
Durante os últimos meses, e no marco da asignatura Análise da Arquitectura, elaboraron os seus proxectos de posta en valor do espazo
Valdoviño, 19 de febreiro de 2024. Os alumnos e alumnas de 2º curso da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña regresaron esta mañá a Valdoviño para expoñer algunhas das propostas de intervención que elaboraron nas aulas ao longo do cuatrimestre para a batería de Monte Campelo. Un espazo que se convertía nos últimos meses en epicentro da materia «Análise da Arquitectura», e unha relación co territorio que os seus 140 estudantes iniciaban aló polo mes de setembro, cando visitaban o municipio para participar, convidados polo Concello, nunha charla do experto Manuel González Gutiérrez, autor do libro «Monte Campelo e Punta Frouxeira. Importancia militar e aproveitamento mineiro». Daquela, tamén o alcalde, Alberto González, ofrecía unhas pinceladas sobre a evolución histórica do territorio centrándose na zona de Monte Campelo, e poñendo en valor a relevancia deste no marco do Xeoparque Cabo Ortegal.
Tras esa primeira visita, na que percorreron a zona, alumnos e alumnas acudían de novo a Valdoviño para trasladarlle ao Concello os seus proxectos. O concelleiro de Urbanismo, Sergio Saavedra, recibía á comitiva, e agradecíalle á Universidade que apostase por Valdoviño como territorio de estudo e intervención nun espazo no que o Concello está a traballar xunto á Deputación para a súa recuperación e posta en valor. Así mesmo, o arquitecto municipal, Carlos Abeledo, participaba da xornada cunha charla previa á exposición dos traballos na que, dun xeito ameno e moi didáctico, explicaba o planeamento urbanístico de Valdoviño e avanzaba algunhas pinceladas do futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Entre as propostas de intervención, das que se seleccionaron 4 para a súa presentación esta mañá, figuran a creación dun centro de interpretación integrado, aproveitando as estruturas militares, a mellora das circulacións ou habilitar miradoiros e zonas de esparcemento. Propostas que coincidiron no obxectivo de poñer en valor non só o espazo senón contribuír á recuperación da historia máis recente do lugar, e que o Concello estudará con atención.