O alumnado de 6º do CPI Atios subirase ao escenario este mércores para representar a súa obra “Lobiño, nin tan malo nin tan feroz”

A función celebrarase no auditorio da casa da cultura ás 17:00 horas

Valdoviño, 22 de xuño do 2026. Tras a súa estrea no Teatro Jofre de Ferrol, “Lobiño, nin tan malo nin tan feroz” chega á casa da cultura de Valdoviño. O alumnado de 6º B de Educación Primaria do CPI Atios convídanos a asistir este mércores festivo á representación da súa obra. A función comeza ás 17:00 horas, con entrada de balde e libre ata completar aforo. A peza está baseada no libro “Feliz Feroz”, do profesor e escritor Miguel Ángel López González, coñecido como El Hematocrítico. Trátase dunha revisión do clásico relato onde o protagonista desfruta axudando aos demais en lugar de asustar. Así, a pesares dos esforzos da súa familia por facelo feroz, el segue o seu propio destino, cumprindo o seu soño de montar unha pastelería. A obra ensínanos que cada quen debe ser o que queira ser, o non o que se supón ou está establecido que deba ser.

Baixo a dirección de María Dolores Freire, a rapazada do Atios leva traballando nesta produción dende o mes de xaneiro. Tras a elección do conto, escribiron o diálogo teatral, coas necesarias revisións para ampliar personaxes e escenas, xa que son 17 alumnos e alumnas con papel. Encargáronse tamén dos decorados, e de todos e cada un dos detalles da loxística. Os ensaios leváronse a cabo no auditorio que este mércores acollerá a representación, e o pasado día 4, estreaban no Jofre, no marco do certame Teatro con G que promove a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.

O Concello de Valdoviño animounos a subirse ao escenario local, e agora compartirán a obra con todos os seus veciños e veciñas.