O alumnado de 5º de Primaria do CPI Atios practica vela, paddle board e kaiak da man do GALP A Mariña-Ortegal

As actividades acuáticas leváronse a cabo esta mañá no marco do programa Xogando na Auga 2022

Valdoviño, 11 de maio de 2022. No marco do programa “Xogando na Auga 2022”, o alumnado de 5º curso de Educación Primaria do CPI Atios practicou esta mañá diferentes deportes acuáticos como vela, paddle board e kaiak. Unha actividade que se desenvolveu no antigo peirao do municipio veciño de Cedeira impulsada polo GALP A Mariña-Ortegal co apoio dos concellos.

Durante tres horas os rapaces e rapazas recibiron unha unidade didáctica con tarefas e explicacións divididas en dous bloques de contidos: os adicados á navegación a vela, e os adicados ao piragüismo e a navegación a remos.

O obxectivo era que nenos e nenas tivesen un primeiro contacto coa navegación e adquirisen unhas habilidades rudimentarias que lles servan para gobernar unha embarcación con ventos frouxos e sobre unha lámina de auga moi estable. Orientarse respecto ó vento, crear unha palanca co remo, facer unha virada, manexar a caña do temón, cazar as velas, colaborar cos compañeiros e divertirse na auga son exemplos dos contidos que se ofreceron nesta sesión.

Un programa que, en definitiva, persegue sensibilizar e poñer en valor o acervo cultural relacionado coa navegación tradicional e as artes mariñeiras, tan importantes para a supervivencia da poboación dos concellos costeiros