O alumnado de 5º de Primaria do CPI Atios anima á veciñanza a facer realidade este venres 1 km de solidariedade con Ucraína

Coa súa axuda, e aportacións a partir de 1 céntimo de euro, buscan sumar un quilómetro de moedas que se destinarán á poboación ucraína

Valdoviño, 12 de maio de 2022. O alumnado de 5º curso de Primaria do CPI Atios convida a veciños e veciñas a tomar parte mañá venres 13 de maio na iniciativa solidaria «1 km de solidariedade con Ucraína», coa que buscan recadar fondos cos que axudar a cubrir as necesidades da poboación golpeada pola guerra. Os nenos e nenas levan traballando durante semanas na iniciativa, coa que queren alcanzar, coa complicidade da cidadanía, un quilómetro de moedas. Así, a partir das 10 horas, iniciarán esa recadación no Centro de Saúde, en Correos e na Casa do Concello. As aportacións, a partir de 1 céntimo de euro. 

Nestes últimos días estiveron xa a recadar fondos a través das huchas que instalaron en diferentes negocios da localidade. Tamén divulgaron a iniciativa con carteis deseñados, realizados e colocados por eles e elas mesmos/as. Acción na que contaron co apoio do comercio local. O traballo realizado completouse coa xestión dos permisos necesarios, entre outras. 

Agora queda por ver se mañá conseguen o seu obxectivo a favor de Ucraína. Unha iniciativa solidaria que xurdía na clase de valores de 5º e que rapidamente asumiron todos os alumnos e alumnas, e profes, do curso.