O alumnado da Escola Técnica Superior de Arquitectura inaugura expo en Valdoviño coas súas propostas para a batería de Monte Campelo

O acto celebrarase este venres ás 18:00 horas na casa da cultura

Valdoviño, 3 de setembro do 2024. Os alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña inauguran exposición en Valdoviño coas súas propostas de intervención para a batería de Monte Campelo. O acto celebrarase este venres ás 18:00 horas na sala de exposicións temporais da casa da cultura, con entrada libre e a intervención de docentes e estudantes. A partir de entón, poderá visitarse de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas.

O alcalde, Alberto González, explicaba que a batería de Monte Campelo convertíase o pasado ano nun dos temas centrais da asignatura «Análise da Arquitectura». Así, os seus 140 estudantes visitaban o noso municipio para asistir á charla do experto Manuel González Gutiérrez, autor do libro «Monte Campelo e Punta Frouxeira. Importancia militar e aproveitamento mineiro». Daquela, tamén o rexedor ofrecía unhas pinceladas sobre a evolución histórica do territorio centrándose na zona de Monte Campelo, e poñendo en valor a relevancia deste no marco do Xeoparque Cabo Ortegal.

Tras esa primeira visita, na que percorreron a zona, alumnos e alumnas regresaban a Valdoviño para trasladarlle ao Concello os seus proxectos. O concelleiro de Urbanismo, Sergio Saavedra, recibía á comitiva, e agradecíalle á Universidade que apostase por Valdoviño como territorio de estudo e intervención nun espazo no que o Concello está a traballar xunto á Deputación para a súa recuperación e posta en valor. Así mesmo, o arquitecto municipal, Carlos Abeledo, participaba da xornada cunha charla na que, dun xeito moi didáctico, explicaba o planeamento urbanístico de Valdoviño e avanzaba algunhas pinceladas do futuro Plan Xeral de Ordenación.

Entre as propostas de intervención figuran a creación dun centro de interpretación integrado, aproveitando as estruturas militares, a mellora das circulacións ou habilitar miradoiros e zonas de esparcemento. Propostas que coinciden en poñer en valor o espazo e tamén contribuír á recuperación da historia máis recente do lugar.