O alumnado da aula de pintura da Asociación de Mulleres Rurais María del Mar Becerra inaugura expo este venres

O acto celebrarase ás 19 h na sala de exposicións da Casa da Cultura

Valdoviño, 13 de setembro do 2023. Os alumnnos e alumnas da aula de pintura da Asociación de Mulleres Rurais María del Mar Becerra de Valdoviño inauguran unha mostra colectiva este venres na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura. O acto, aberto á veciñanza, dará comezo ás 19:00 h, presidido polo alcalde, Alberto González, e a partir dese momento, poderá visitarse ata o día 30 de setembro, de luns a venres de 11:00 a 14:00 h. 

A exposición reunirá unha selección dos traballos artísticos realizados ao longo do curso 2022-23 polos alumnos e alumnas das clases de pintura que guía semanalmente o pintor Leopoldo Rapela. Clases para as que a asociación mantén aberto o prazo de inscrición de cara ao novo curso, que arrancará a primeira semana de outubro no local social de Montefaro. Hai novidades, xa que este ano a entidade decidiu abrir a actividade a nenos e nenas. Así, para estes, celebraranse os martes de 16 a 19 h, e para o grupo de adultos/as, martes ou xoves de 16 a 18 h. Para anotarse, é preciso chamar aos números: 604 06 41 80 ou 608 97 99 07.