O alumnado da Aula de Artes Plásticas de Valdoviño inaugura exposición colectiva

O acto celebrarase este martes ás 19:00 h na Casa da Cultura

Valdoviño, 12 de xuño do 2023. As clases da Aula de Artes Plásticas de Valdoviño chegan ao seu fin tras un intenso curso, e os seus alumnos e alumnas, xunto ao seu profesor, o pintor Manuel Carballeira, prepararon unha exposición colectiva coa que amosar o traballo realizado. A mostra inaugurarase mañá martes, 13 de xuño, ás 19:00 horas, con entrada libre, nun acto que estará presidido polo alcalde en funcións, Alberto González. 

O rexidor poñía en valor a actividade, que a Concellería de Cultura activaba hai 2 anos no local social de Loira, tras as obras de reforma integral do inmoble. Unha actividade interxeneracional na que nenos e adultos comparten tempo creativo guiados por Manuel Carballeira, autor de obras tan recoñecibles no espazo urbano como as protagonizadas por Rosalía na contorna da praia pequena da Frouxeira. Un artista que alenta a creatividade do seu alumnado como ninguén e ten contribuído de xeito decisivo a consolidar a actividade na programación. 

A expo, unha vez inaugurada, poderá visitarse ata o sábado 17 en horario de 12:00 a 14:00 horas.