O alcalde de Valdoviño recepciona unha embarcación pneumática entregada pola Xunta de Galicia para Protección Civil

Permitirá reforzar o equipamento da Agrupación local para levar a cabo actuacións de salvamento e rescate

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe de 4 embarcacións pneumáticas semirríxidas destinadas a Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) para actuacións de salvamento e rescate nos concellos de Fisterra, Valdoviño, Barreiros e Vilagarcía de Arousa. Dende Valdoviño acudiron a Fisterra o alcalde, Alberto González, o xefe de Protección Civil, Francisco Dopico, e os concelleiros de Servizos e Obras, Benito Vega e Germán Gómez.

As embarcacións entregadas hoxe con case 6 metros de eslora total permitirán reforzar o equipamento destas agrupacións para levar a cabo actuacións de salvamento e rescate en praias costeiras e fluviais. Os concellos beneficiarios deben estar adscritos ao Plan de Salvamento en Praias de Galicia e en zonas dos plans de emerxencias de encoros do Plan de Inundacións de Galicia (Inungal).

Este material enmárcase na orde de axudas da Xunta dirixida ás AVPC de municipios de menos de 50.000 habitantes, a través da que o ano pasado se concederon 932.400 euros a 87 concellos galegos e 2 mancomunidades.