O alcalde de Valdoviño participará de ponente na I Xornada Municipal de Autocaravanismo en Galicia organizada pola Fegamp

O municipio tamén contará coa representación na mesa redonda sobre as reivindicacións das asociacións de autocaravanistas e cámpings a través do presidente da Asociación de Cámpings de Galicia, Delfín Fidalgo

Valdoviño, 18 de marzo de 2022. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, tomará parte o vindeiro martes 22 de marzo en Betanzos na I Xornada Municipal do Autocaravanismo en Galicia: Apoiando a integración (problemas e solucións) organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O rexidor, que participou activamente na normativa legal reguladora da actividade, farao como ponente na mesa redonda «Concellos-Xunta-Dirección Xeral de Tráfico». Xunto a el estarán a xefa provincial da DGT, María Victoria Gómez Dobarro, e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, María Encarnación Rivas.

A segunda mesa redonda da xornada, baixo o título «Reivindicacións das asociacións de autocaravanistas e cámpings», tamén contará con representación local, xa que na mesma tomará parte Delfín Fidalgo, presidente da Asociación de Cámpings de Galicia.

A través desta xornada, Fegamp e concellos continúan o traballo conxunto para buscar solucións á hora de ordenar o turismo de autocaravanas.