O alcalde de Valdoviño avanza que o Concello presentará alegacións ao parque eólico Badulaque

Un equipo técnico está a redactar o informe tras avaliar a afectación do proxecto no medioambiente e na paisaxe, e a súa posible incidencia sobre núcleos e vivendas 

O Concello de Valdoviño presentará alegacións ao parque eólico Badulaque. Así o trasladou o alcalde Alberto González aos representantes dos distintos grupos municipais presentes esta mañá na Casa Consistorial. Nesta liña, avanzou que un equipo técnico está a redactar o informe cos argumentos que a administración local porá sobre a mesa ante o macro proxecto que impulsa Enel Green Power e que afecta ao municipio.

Unha vez avaliada co máximo rigor a afectación que tería este parque eólico dende o punto de vista medioambiental, paisaxístico e económico no territorio, así como a posible incidencia sobre núcleos e vivendas, o rexedor confía en que o documento técnico coas alegacións, que se dará a coñecer publicamente tan pronto como estea finalizado, poida ser posto a disposición dos distintos grupos municipais e máis dos veciños afectados ao longo da vindeira semana.

Completado este trámite, o concello ten previsto desprazar ao citado equipo técnico á antiga escola de Vilaboa para recoller as alegacións dos veciños e axudalos na súa redacción e presentación antes de 6 de setembro. Os días e horas están, polo de agora, pendentes de fixar.

Finalmente, apuntou a intención de consensuar co resto de grupos políticos unha declaración institucional que recolla a postura oficial do conxunto da corporación ao respecto do parque eólico Badulaque.

Preme aquí para consultar os planos de situación do parque eólico Badulaque