O Concello investirá máis de 152.000 euros para dotar do servizo de saneamento ao lugar de Montefaro e outros puntos de Meirás

Suma esta intervención á relación de obras a financiar con cargo ao POS+

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello investirá unha partida de 152.333,16 euros para facilitar o acceso ao servizo de saneamento aos veciños e veciñas da zona de Montefaro e outros puntos da parroquia de Meirás. Unha intervención que se suma á relación de actuacións a financiar con cargo ao POS+ deste ano e que onte se aprobaba en sesión plenaria. 

En esencia, as obras permitirán executar o bombeo en Montefaro e facilitar así o servizo de saneamento. Dende hai anos, as canalizacións da rede están feitas, pero ao non contar co sistema de bombeo, non era posible ofrecer o servizo. 

Así mesmo, a actuación prevista polo Concello permitirá complementar a realizada recentemente pola Xunta de Galicia na zona da nova senda peonil e ciclista.