O adro da igrexa de Vilarrube acolle este domingo a obra de títeres “Dona Barriga Verde”, de Larraitz Urruzola
As invitacións poden retirarse na Oficina Municipal de Turismo
As propostas culturais do Concello de Valdoviño trasládanse este domingo 9 de agosto ao adro da igrexa de Vilarrube. A partir das 19 horas, e dirixido a un público familiar, Larraitz Urruzola ofrecerá alí a súa obra de títeres «Dona Barriga Verde».
As invitacións para asistir á función poden retirarse na Oficina Municipal de Turismo hoxe e mañá mércores de 11 a 17 horas e o xoves de 11 a 14 horas.
«Dona Barriga Verde» é unha obra de títere de cachaporra, que integra elementos do Barriga Verde do noso país con préstamos doutras tradicións titiriteiras europeas. Os paisanos, o demo ou a morte atópanse en escena co crocodilo ou o bebé habituais do Punch Inglés. E todo cunha grande particularidade. A de desafiar as convencións do xénero e convertir a Barriga Verde en protagonista da obra. Deste xeito, sen perder os gags clásicos, a artista achega novas perspectivas aos roles de xénero e aos estereotipos desta tradición. A Asociación Cultural Morreu o Demo colabora neste proxecto prestando asesoramento histórico e documentación. Canda a Larraitz Urruzola encargada do manexo dos bonecos, o espectáculo conta con dirección de Santi Prego, bonecos e atrezzo realizado por Borja Insua, pintura e deseño do retábulo de Kukas e vestiario de Bety Busto.
A actividade inclúese na Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña e, dende o departamento municipal de Cultura do Concello, lémbrase a obriga de acudir con mascarilla.