O actor Quico Cadaval estrea este venres en Valdoviño o ciclo de monólogos “Únic@s”
As invitacións para asistir ao espectáculo poden retirarse na Casa da Cultura en horario matinal
O veterano dramaturgo, actor e narrador Quico Cadaval será o encargado de inaugurar este venres, 25 de setembro, o ciclo “Únic@s”. Con esta iniciativa, o Concello de Valdoviño converte ao monólogo en protagonista da súa oferta cultural nas portas da fin de semana. E xa se poden retirar as invitacións para asistir.
A primeira entrega do programa teatral, fixada para as 20.30 horas, permitirá aos veciños e veciñas gozar no auditorio da Casa da Cultura do espectáculo “Cadaval conta… vacas, guerras, curas e cregos”. Nel, ao fío da historia de Xuán o Fino, un antepasado ao que pinta como un home bo e anodino, o narrador debulla toda unha serie de peripecias protagonizadas por persoas “menos virtuosas” que rodean ao seu devanceiro.
Trátase dunha fábula coral, estreada o pasado ano con motivo da celebración do 15 aniversario de Excéntricas Producións, coa que Quico Cadaval demostra, unha vez máis, o seu talento como contador de historias ao longo de tres décadas.
Desde a Concellería de Cultura sinalan que que ata este venres, en horario de 11 a 14 horas, poderán retirarse na Casa da Cultura as invitacións (un máximo de dúas por persoa) para asistir á función. Insisten ademais en que o aforo para o espectáculo será limitado e que, de acordo co protocolo de prevención da covid-19, durante a obra haberá que permanecer coa mascarilla posta.
“Únic@s”, impulsado polo Concello, enmárcase no programa Cultura no Camiño +, que financian Gadis e a Xunta de Galicia para enriquecer a oferta de actividades dos concellos polos que pasan o Camiño de Santiago e outros itinerarios complementarios como o Camiño de San Andrés de Teixido. O ciclo terá continuidade os seguintes venres, cos monólogos de Xan Veiga e Jorge Baleo.
.