O Abanca Pantín Classic Galicia Pro divisa aos seus campións
Os dous cadros (masculino e feminino) da competición da World Surf League (WSL) avanzan ata só quedar as tres últimas roldas para este domingo, cando se agardan uns enfrontamentos de talla mundial
Valdoviño, 29 de agosto do 2026. Só queda un día. O nivel na auga vaise incrementando de forma paulatina. Dúas xornadas de criba para deixar a oito aspirantes en cada unha das categorías (masculina e feminina) do QS 6000 International da World Surf League (WSL), a proba raíña do Abanca Pantín Classic Galicia Pro. A icónica praia do Concello de Valdoviño vivirá mañá un apoteósico peche coas tres últimas roldas (cuartos de final, semifinais e final), xa en formato de dous competidores por manga para garantir as mellores condicións e oportunidades aos candidatos a proclamarse gañadores desta edición. Esta selección natural dos surfistas que mellor se souberon amoldar aos cambios nas condicións dos picos de Pantín deixou a algúns nomes destacados.
No cadro masculino, un vello coñecido do campionato, o francés Jorgann Couzinet, gañador en 2017 e subcampión en 2024, demostrou que as olas do areal se axustan á perfección ás súas condicións. Na última manga da rolda 32, derrotou ao mozo talento australiano Kobi Clements ao totalizar 12.34 no cómputo das súas dúas mellores olas. Despois, na rolda 16, o galo explotou todas as súas virtudes sobre o Atlántico: velocidade, potencia e precisión ao executar manobras verticais. Na antesala dos cuartos de final, Couzinet impúxose, con 11.83 puntos, ao vasco Hans Odriozola (compite por Alemaña), ao que tamén se lle notou moi cómodo sobre as ondas de Pantín e logrou colarse na xornada final da proba internacional grazas a un 6.00 e un 5.50. “En Pantín hai que ler moi ben as condicións en cada momento, porque poden cambiar bastante ao longo do día”, explicou Jorgann Couzinet. “Na miña manga -sinalou-, cometín un erro nunha das olas. Fixera unha primeira manobra moi potente e na segunda, cando xa tiña o xiro case pechado, caín. Pero mañá vou ir a por todo”. Ademais de Couzinet e Odriozola, os australianos Caleb Tancred, Kobi Clements e Eden Hasson; o estadounidense Levi Slawson; e os brasileños Ryan Kainalo e Ian Gouveia forman a nómina de aspirantes ao triunfo final no cadro masculino.
En canto ao cadro feminino, a española Carla Morera, un dos novos talentos nacionais, deu a sorpresa ao progresar ata as roldas decisivas. En rolda 32, a surfista afincada nas Illas Canarias logrou o primeiro posto da súa manga. E en rolda 16 repetiu fazaña ao gañar á xaponesa Nanaho Suzuki, á peruana Catalina Zariquiey e á tamén nipona Minami Nonaka.
“Estou moi feliz e asombrada de haber chegado ás roldas finais”, comentou Carla Morera, quen explicou que “viña sen expectativas. Era a primeira vez que me medía ás mellores do mundo, que estaba nun campionato internacional, e agora véxome loitando polo triunfo”.
A Carla Morera acompañaraa nese último día Janire González Etxabarri. A vasca, unha das surfistas consolidadas no circuíto profesional, deixou unha das olas do campionato cun par de carvings moi potentes e unha última manobra case na orilla. Os xuíces recompensaron a súa determinación con 8.00 puntos, no rango da excelencia. “Só penso en ir manga a manga”, dixo González Etxabarri. “Estou contenta de ter chegado ata aquí, pero o meu obxectivo segue sendo a vitoria”, indicou.
Morera e Etxabarri atoparanse nos cuartos de final coa moza prodixio do surf mundial, a australiana Sierra Kerr, quen seguiu marcando a pauta en Pantín; coa súa compatriota India Robinson; a portuguesa Maria Salgado; as xaponesas Nanaho Tsuzuki e Anon Matsuoka; e a estadounidense Eden Walla.
Programa para mañá, domingo 30 de agosto:
Competición WSL:
De 09:00 a 15.00 horas
QS 6000 International
A partir das 15.00 horas
Finais do QS 6000 International
Zona Market
11.00 horas
Apertura da tenda oficial, área de skate e Corresponsables
12.00 horas
Apertura dos diferentes stands
Faladoiros de Pantín en O Tinglado
11.00 horas
Retoque Retro Skate
12.00 horas
Abanca Live Skate Contest
Actos Oficiais
16.00 horas
Entrega de premios do QS 6000 International
Pantín Sound
17.00 horas
La indirigible (Escenario Pantín Sound)
Para coñecer a programación completa do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026, consúltao en classicsurfpro.com
