O Abanca Pantín Classic 2024 xa ten data: do 24 de agosto ao 1 de setembro

A proba presentouse este mércores no stand de Fitur en Madrid

Valdoviño, 24 de xaneiro de 2024. A nova edición do Abanca Pantín Classic Galicia Pro foi presentada esta tarde na caseta de Galicia en Fitur. O evento alcanza así os 37 anos de celebración de forma consecutiva e sen interrupcións, todo un fito que só tres campionatos desta magnitude conseguiron no mundo.

Como é xa tradicional, é en Fitur  onde se desvelan as datas do campionato, que este ano se disputará entre os días 24 de agosto e o 1 de setembro.

No acto, Yago Barreto (representante da organización) recalcou a importancia de  que este evento “siga pertencendo ao prestixioso circuíto World Surf League, convertendo a Galicia no epicentro do surf profesional do noso país”. Confirmou tamén que o evento seguirá na liña de transcender o meramente deportivo, anunciando algunhas das numerosas  actividades que transcorrerán paralelamente ao evento: gastrónomicas, ambientais, musicais… toda unha oferta de lecer que atrae a unha media de 100.000 visitantes por edición.

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, expresou a importancia da colaboración entre as distintas entidades públicas e privadas para acadar a celebración de eventos desta magnitude e a promoción turística que implica.

Pola súa banda, Antonio Casas (xerente Axencia de Turismo de Galicia) indicou a aposta do organismo que representa do deporte como elemento catalizador do turismo.

Pechando o acto, Alberto González, alcalde de Valdoviño, subliñou a importancia da sinerxia entre patrocinadores, organización e veciños para celebrar con éxito e durante tantos anos este campionato internacional, todo un referente declarado Festa de Interese Turístico de Galicia e en proceso de designarse como Festa de Interese Turístico Nacional. Unha marca en si mesma ligada ao nome de Pantín.