Novos contedores en Pantín, Sequeiro e Vilarrube para a recollida de roupa, calzado e téxtiles do fogar con fins solidarios
A iniciativa xurde da relación de colaboración entre o Concello de Valdoviño e o Centro de Recursos Solidarios de Narón
Valdoviño, 13 de outubro de 2023. O Concello de Valdoviño e o Centro de Recursos Solidarios de Narón veñen de instalar colectores en Pantín, Sequeiro e Vilarrube para a recollida de roupa, calzado e téxtiles do fogar destinados aos usuarios e usuarias que, derivados dos Servizos Sociais Municipais, atende a asociación, para cubrir as súas necesidades básicas. A iniciativa xurde de Mercedes Varela, veciña de Vilarrube e colaboradora da entidade. Tras poñerse en contacto co Concello, os concelleiros de Servizos, Obras e Servizos Sociais, acudían hai unha semanas ás instalacións do Centro de Recursos en Narón para coñecer o seu funcionamento e proxectos. E nesa xuntanza plantéase a instalación destes novos contedores.
Neles, a veciñanza pode depositar roupa, calzado e téxtiles do fogar como mantas, sábanas, cortinas… O Centro de Recursos Solidarios procede ao tratamento das pezas en bo estado nunha tintorería de Santa Cecilia, que grazas a un acordo de colaboración, bríndalles 2 lavados gratuitos ao mes. De aí, entréganse aos usuarios e usuarias que as precisen. As restantes, trasládanse a unha planta de reciclaxe solidario na Coruña, que as adquiren ao peso. Os fondos recadados destínanse unica e exclusivamente á adquisición de víveres para familias sen recursos.
Os colectores sitúanse nas inmediacións do local social de Pantín, no aparcadoiro próximo ao local de hostalería As Hedras en Sequeiro, e no lugar da Atalaia en Vilarrube. Así mesmo, nas próximas xornadas colocarase un cuarto contedor en Porto do Cabo.
O Concello anima á veciñanza a facer uso dos mesmos, e colaborar así coa labor do Centro de Recursos Solidarios de Narón.