Novo paso adiante de “Valdoviño, Futuro, Plan de Desenvolvemento Sostible”, coa celebración dos diferentes grupos de traballo

O obxectivo é trazar as prioridades e estratexia de desenvolvemento para os próximos anos en base a un traballo colaborativo

O Concello de Valdoviño iniciaba esta semana unha serie de encontros de debate nos que as concellerías das diferentes áreas de xestión terán ocasión de contrastar as conclusións da diagnose participativa de “Valdoviño Futuro, Plan de Desenvolvemento Sostible”, que se arrancaba hai uns meses cunha serie de entrevistas e cuestionarios online dirixidos á veciñanza.

Agora é a ocasión de contrastar a información recollida, co ánimo de trazar unhas prioridades e unha estratexia de desenvolvemento para os próximos anos.

Así, o calendario de reunións deu comezo este martes e finalizará o día 22, mantendo os seguintes grupos de traballo colaborativo co persoal técnico, tecido asociativo, empresas locais e profesionais: Territorio e Medio Ambiente (celebrada o martes 13, no que tomaron parte asociacións ecoloxistas, veciñais, culturais, empresas e profesionais); Ámbito Sociocultural e Educativo (celebrada o mércores 14, no que participaron os centros de ensino, empresas do sector e entidades); Ámbito Socioeconómico (a celebrar o luns 19, co tecido empresarial), e Ámbito Socioeconómico, Turismo e Deportes (o xoves 22).

Todas as sesións desenvólvense no novo Centro Sociocomuntario.