Nova sinalización no Camiño a Santo André

Cunha subvención procedente do GALP A Mariña-Ortegal, procedeuse á instalación de 6 monolitos e 3 vinilos con información de interese da peregrinación ao seu paso por Valdoviño

Valdoviño, 20 de maio de 2022. Co obxectivo de poñer en valor o Camiño de Santo André de Teixido ao seu paso por Valdoviño, a través da promoción de elementos patrimoniais e ambientais, creando un itinerario interpretativo desta ruta singular, o Concello vén de instalar nova sinalización e novos vinilos informativos. En concreto, 6 monolitos de granito branco nos que se marcan as distancias, coa xeolocalización dos seus emprazamentos e realizados de acordo coa estética existente ao longo do camiño, e 3 vinilos informativos nos soportes existentes nas inmediacións da Capela da Fame, Casa da Bastona e igrexa vella de Loira. Uns vinilos con datos de interese en galego, castelán e inglés e códigos QR para ampliar a información sobre a peregrinaxe ao seu paso polo municipio.

O proxecto “Xeración de contidos turísticos e de soportes de sinalización para o trazado no Concello de Valdoviño a Santo André de Teixido. Camiño a Teixido” contou cun investimento de 16.111,15 euros, que o Concello sufragou a través dunha axuda do 100% por parte do GALP A Mariña-Ortegal.