Nova sesión de cine nocturno esta semana coa proxección do filme “Momias” en San Bartolo
O pase terá lugar este xoves ás 22:30 horas no campo da festa
Valdoviño, 8 de xullo de 2024. O Concello de Valdoviño programa esta semana unha nova sesión de cine nocturno. Neste caso, o escenario elixido é o campo da festa de San Bartolo, e este xoves, a partir das 22:30 horas, acollerá a proxección do filme de animación «Momias».
Trátase dunha produción española dirixida por Juan Jesús García Galocha, avalada polo éxito de crítica e público dende a súa estrea, e nos pasados premios Goya obtiña unha nominación como mellor película de animación. Para todos os públicos, esta cinta de aventura narra a historia de Thut, unha momia exipcia de 3000 anos de antigüidade, que viaxa á actual Londres para recuperar o anel de vodas que un arqueólogo lle extraeu da súa tumba no Cairo. Unha viaxe, na que estará acompañado da Princesa Nefer, e que lle servirá para recuperar a fe que perdeu en si mesmo.