Nova Galega de Danza representará “Credo” na espectacular contorna da praia de Pantín

A cita terá lugar o martes, Día das Letras Galegas, a partir das 20,30 h

Valdoviño, 13 de maio de 2022. A contorna da praia de Pantín volverá a converterse unha vez máis no escenario perfecto para acoller unha das pezas da compañía Nova Galega de Danza. Neste caso, «Credo». Será o vindeiro martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, a partir das 20,30 horas. Unha proposta cultural incluída no programa Xacobeo 2021-22. Iso si, en caso de choiva, comunicaríase o novo emprazamento a través das redes sociais municipais. 

A compañía dirixida por Jaime Pablo Díaz volve ao municipio cunha peza moi especial. Un proxecto que o Concello de Valdoviño, xunto co das Pontes, apoiou na súa produción. «Credo» é unha viaxe interior que toma a poética de Celso Emilio Ferreiro como referente artístico e conceptual, e que quere representar a andaina vital do ser humano a través do movemento a exploración e o cuestionamiento de si mesmo e da realidade. 

O corpo de danza, constituído por seis bailaríns, desenvolverá un traballo físico de alta intensidade co que indagar os límites da linguaxe corporal e o seu vínculo co espazo habitado. 

Reflexionarase sobre a encrucillada que vive o rural galego contemporáneo atrapado entre a tradición e modernidade. O cruzamento de camiños, o cruceiro, é o escenario simbólico que representa a toma de decisións do ser humano no seu avance permanente cara ao descoñecido. 

A música orixinal, a cargo de Sergio Moure, recollerá, a través dunha formulación sinfónica, os sons dunha Galicia intemporal imbricada na multiculturalidade propia do Camiño.