Nova Galega de Danza regresa este venres á contorna da praia de Pantín con “Credo”, o seu último espectáculo

A actuación virá precedida da actuación, ás 20:30 h, de Álex Casal, veciño de Meirás e xove promesa da danza

Valdoviño, 18 de xullo de 2022. A compañía Nova Galega de Danza traerá este venres ás 20:30 horas á contorna da praia de Pantín o seu último espectáculo, «Credo». Unha proposta cultural incluída no programa Xacobeo 2021-22 que virá precedida da actuación de Álex Casal, unha xove promesa da danza. Este mozo veciño de Meirás bailará 2 pezas coas que se vén de clasificar para participar nun Concurso Internacional de Danza en Bélxica.

Nova Galega de Danza, a compañía dirixida por Jaime Pablo Díaz, volve ao municipio cunha peza moi especial. Un proxecto que o Concello de Valdoviño, xunto co das Pontes, apoiou na súa produción. «Credo» é unha viaxe interior que toma a poética de Celso Emilio Ferreiro como referente artístico e conceptual, e que quere representar a andaina vital do ser humano a través do movemento a exploración e o cuestionamiento de si mesmo e da realidade.

O corpo de danza, constituído por seis bailaríns, desenvolverá un traballo físico de alta intensidade co que indagar os límites da linguaxe corporal e o seu vínculo co espazo habitado. Reflexionarase sobre a encrucillada que vive o rural galego contemporáneo atrapado entre a tradición e modernidade. O cruzamento de camiños, o cruceiro, é o escenario simbólico que representa a toma de decisións do ser humano no seu avance permanente cara ao descoñecido. 

A música orixinal, a cargo de Sergio Moure, recollerá, a través dunha formulación sinfónica, os sons dunha Galicia intemporal imbricada na multiculturalidade propia do Camiño. 

Deste xeito, o Concello de Valdoviño recupera así unha actuación prevista inicialmente para o mes de maio frustrada nese momento polas adversas condicións climatolóxicas.