Nenos e nenas da Aula da Natureza colaboran con Avimós na conservación e promoción da Galiña de Mos
Por segundo ano consecutivo, e ao longo dos vindeiros 21 días, coidarán na incubadora dos ovos dos que nacerán os futuros pitiños
A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia retoma o proxecto de visibilización, conservación e promoción da raza da Galiña de Mos que promove a Asociación Avimós, e esta semana o veterinario da entidade, Diego, achegábase ao centro para axudar aos meniños e meniñas a colocar na incubadora os ovos dos que sairán os futuros pitiños. Tamén, botarlle auga e graduar a temperatura e humidade. Agora toca esperar os 21 días de rigor.
A actividade inclúese na filosofía do centro de potenciar as actividades vinculadas á contorna natural. Un xeito diferente de aprendizaxe en plena natureza. Neste caso, favorecendo a conservación da galiña de Mos, unha raza galega das máis antigas da Península Ibérica que, nas últimas décadas, estivo ao borde da extinción.
O centro poñía en marcha o proxecto en 2018, pero o pasado ano, aínda que continuaron coa actividade en pleno confinamento a través de vídeos, non puideron poñer en práctica o aprendido.
